domingo, 8 de julio de 2012

Extramunde

Extramunde
Autor
Xavier Queipo (1957)
Máis información: Páxina Web

Libro
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Edición lida: outubro 2011
Páxinas: 374
ISBN: 978-84-9914-301-9
Premio Xerais Novela 2011

 

A miña impresión
 
Xa se di na fin do libro, que esta viaxe, a dos protagonistas, é unha viaxe de tolos.

Este é o primeiro libro que leo de Xavier Queipo e gustoume por moitos motivos, mais o mellor, para min, é a historia en si, que resulta ser un pouco insólita. A narración de Queipo comeza dun xeito agresivo, sen escatimar detalles, describindo os acontecementos dunha cativa vila galega que han supor que a xenreira pase a se-lo principal sentimento entre parte dos poboadores. O desencadeante dos acontecementos vén a se-lo Santo Oficio, a Igrexa caólica, que periódicamente adícase a condear a xente dun xeito irracional, simplemente por seren distinto ou por que alguén con poder desexa o fin dun terceiro. Escollidos case que ó chou, os nosos personaxes van sendo pechados naquelas gaiolas que os levarán cara unha viaxe, de por si xa difícil, que os leva cara unha morte case que segura na Güiana, en América do Sur, onde han ser abandoados á súa sorte. No día da marcha da vila acontecerán cousas que fan que na vila de partida xa volte se-lo mesmo. Xa no porto mariñeiro, súmase á comitiva un novo prisioneiro non esperado que, xunto co troco nas ordes iniciais dos militares custodios dos engaiolados, han facer que o que supuña unha viaxe máis cara ó inferno sexa algo diferente á plantexada.
 
As personaxes que nos han acompañar dende a partida da costa galega cara o novo mundo son un conxunto heteroxéneo de xente, todos homes: relixiosos, militares, cativos, homes rudos, homes sen unha definición sexual concreta, homs con problemas físicos... e a súa descrición hanos ir aclarando o motivo polo que se atopan na máis dura das situacións posibles que é a supervivencia. 
 
Comeza a viaxe en dirección ás américas, mais logo do acontecido no barco (cousa que teredes que ler), trócase o rumbo cara un novo mundo máis alonxado do previsto, as illas Palao, no océano Pacífico. Para ir cara aló hai que percorrer un longo traxecto que supón bordear toda África e o sur de Asia, cruzando o océano Índico. Nese percorrido os nosos personaxes han coñecer xente, animais así coma prantas descoñecidas para eles; vivir experiencias que van dende relacións sexuais ata batallas con piratas; coñecer novas culturas máis ou menos avanzadas... e todo iso nárrasenos dende o punto de vista de varias das persoas que van no veleiro. Ó mesmo tempo, tódolos acontecementos hanse ir engadindo na bitácora da viaxe.
 
Narración entretida e moi ben levada, cando menos iso penso eu, na que mixtúrase o galego có latín, polo que un coñecemento mínimo desta lingua morta é interesante telo. Así e todo, non é difícil de entender o que deste xeito atópase escrito. Moi indicado para aqueles que disfruten con libros de aventuras. 
 
Contraportada do libro

Extramunde narra, co alento prendido nas entrañas, unha viaxe alucinada que vai da freguesía de San Andrés deica a illa de Borneo, pasando por Senegal, Camerún, o Cabo de Boa Esperanza, Mozambique, a illa de Madagascar, a badía de Trincomalee, as illas de Anamán e o estreito de Malaca. Unha novela que retrata o poder omnímodo da Igrexa nos tempos escuros da Inquisición e a navegación polos océanos Atlántico e Índico na procura de mundos afastados, para rematar nun poboado da tribo dos Dayaks, os cortadores de cabezas. Extramunde, escrita nunha prosa coidada, engaiolante, por veces vertixinosa, supón a culminación dun soño: a afirmación da diferenza, a procura da liberdade. Dividida en catro seccións, cada unha cun ritmo e cun alento diferenciado, admite varios niveis de lectura, pois é, ao mesmo tempo, novela de aventuras, de viaxes e de pausada reflexión. Unha novela que non vai deixar indiferente a que se adentre no proceloso mar da escrita de Queipo. Novela polifónica, con constantes referencias á cultura popular, á cultura das masas, á música, aos medios, á publicidade, ao cine, está tecida cunha mestura de textos típicamente posmoderna.

2 comentarios:

  1. Ola Xosé Lois,

    Eu lin outros libros de Xavier Queipo e penso que este é un dos seus mellores títulos. Mais penso que outros tamén van ser do agrado do ‘lector mariñeiro’. Cousas como a viaxe de descuberta científica polo mar tamén aparecen en ‘Ártico e outros mares’ e máis ‘O paso do noroeste’, por exemplo.

    A min Extramunde gustoume moito. Lembro o intre en que os portugueses atopan a ‘O roxo’, que volve a falar galego despois de moito tempo... Non sigo, que non lle quero escangallar a lectura a ninguén. A min me gustou tamén como as diversas aventuras sucédense para te encamiñar ao longo da historia.

    Saúdos Xosé Lois,

    Daniel

    ResponderEliminar
  2. Moi boas Daniel,

    Cando me achegue de novo por Galicia buscarei algún libro máis de Queipo, para ler unha miguiña máis das súas cousas. Quedáronme ganas de ler algo máis. Así e todo, para min o mellor do libro é non ter lido algo similar ou o que é o mesmo, a súa orixinalidade. Gracias polo teu comentario.

    Apertas

    ResponderEliminar

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...