Caldo de mares para homes libres |
Autor
J. Ángel Xesteira Pazos (1946)
Máis información: Contos de Xesteira e Blog-Up
Libro
Editorial: Edicións Xeráis de Galicia
Edición: 2003
Páxinas: 244
ISBN: 84-9782-012-6
A miña impresión
Este libro lino hai un tempo e o certo é que gustoume, e moito.
Narración que fala do mar, dos mariñeiros, dos piratas, das relacións entre pobos tan distintos e tan achegados coma os que hai nas costas Atlánticas galega-portuguesa e caribeñas. Vivi-lo mar, iso é o que transmite esta novela.
Contraportada do libro
O Santa Lilaina, un cliper portugués de feitoría
americana, navegaba de bolina con tódalas velas inchadas como se estivesen preñadas do vento alisio. Procedía de Lisboa e levaba á Habana mercadorías e pasaxe. Na ponte de mando, ó socaire dun pendello de lona, dous homes falan moi preto do temoneiro, que mantiña o rumbo coa roda do leme amarrada, marcando a liña que lle mandaba a bitácora. Dous homes que adaptaran o ritmo das súas vidas ó propio do mar e da navegación de vela, que non se guía máis que polos fenómenos da natureza. Un, a quen unha cicatriz lle partía a cara e o deixaba convertido en cíclope dun só ollo, é o capitán, o portugués Nuno de Alencastre. O outro, que confesa ter sido cociñeiro de buques corsarios, filibusteiros e negreiros, é un fillo das terras de Soutomaior, Amaro Piñeiro, o Padiola, o creador e divulgador de moitos pratos que hoxe se coñecen no Caribe e noutras terras como comida popular.
Caldo de mares para homes libres é unha novela de intenso alento narrativo, onde se mestura sabiamente a aventura, a gastronomía e as peripecias dun tempo que pasou, aquel no que algúns homes navegaban nun mar libre, en pé de igualdade cos demais homes libres, en loita aberta con quen intentara poñerlles muros no océano. Unha importante novela galega do mar, impregnada de sabor tropical e cosmopolita, que recupera a esquecida memoria dos irmáns da costa que navegaron baixo a bandeira negra da liberdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario