viernes, 30 de marzo de 2012

Asasinato no Consello Nacional

Asasinato no Consello Nacional
Autor
Diego Ameixeiras (1976)
Máis información: Wikipedia

Libro
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Edición lida: 2010
Páxinas: 367
ISBN: 978-84-9914-171-8


 

A miña impresión

Como primeira consideración a ter en conta nesta novela é que a un cómprelle estar máis ou menos ó tanto de quén é quén no Bloque Nacionalista Galego (BNG), partido no que se centra a narración. Como segunda consideración, máis ca unha narrativa policíaca considero que é unha narrativa política-policial.

Baseada nos acontecementos nos que o bipartito perdeu as eleccións á Xunta de Galicia, logo das eleccións de 2009, Diego Ameixeiras cóntanos unha serie de acontecementos, parte fitícios e parte reais, nos que asasinan ó que habería ser o seguinte cabeza de lista, que non líder, do BNG. Os líderes, coma na vida real, son os que moven ós monicreques e, de feito, acó tamén artellan todo o tinglado político dende as sombras. Acontencen as leas que levarán a unha maior separación entre os distintos partidos e faccións políticas que conforman esta unión.

No medio de todo estes problemas acontence, como indicaba, o asasinato do que se supón ía ser o novo cabeza de lista do Bloque e a policía comeza a investigación. Ante as dúbidas de como ha leva-lo comisario ditas investigacións, a plana maior do bloque consensúa a contratación dun investigador privado, Alberte Cudeiro, que ha levar unha liña de investigación un pouco peculiar. Cudeiro, que pasa de ser un antisistema a ser un máis ou menos recoñecido investigador e, asemade, a ser unha persoa moi vinculada ós costumes asiáticos de comida e de xeito de ser, acaba por verse mixturado nun problema doméstico entre unha dirixente nacionalista e un vello falanxista. Desta relación avanzará cara un asasinato non resolto da Guerra Civil na provincia de Ourense e que, sen sabelo, está a tirar doutro fío cara a resolución do asasinato. Os achádegos parellos da policía e investigador privado lévanos a atoparse no punto final da novela.

Todo libro leva un fío central do que colgan outros máis. Neste caso, ainda que semella que o fío podería ser o crime, para min é o propio BNG e as súas leas internas, o que máis adiante chegará a se-lo seu desmembramento. Ós nomes fictícios pódese, dun xeito doado, porlles cara  de persoeiros ben recoñecidos para aquel que guste unha miguiña da política e estea ó día nela. É un libro interesante, entretido e que contén todo o necesario para ser un libro amplamente vendido, un best-seller: asasinatos, traizóns, ciumes, rivalidades, amores e desamores. Agora ben, teño que recoñecer que a xente que non coñeza ós persoeiros que se ven dalgún xeito reflexados nesta narración, pódelle acontencer que a cantidade de nomes e relacións entre eles chegue a ser un pouco mareante, coas idas e vidas, coas boas e malas avinzas entre deles dende o fronton de Riazor, no ano 1982.

Contraportada do libro

Un encarapuchado asasinou de tres disparos a Mario Dacosta, parlamentario do BNG, cando saía da reunión do Consello Nacional. Nesa reunión, a executiva, co seu voceiro Óscar Quiroga á cabeza, presentou a súa dimensión. Os feitos aconteceron pouco despois das seis da tarde, cando Dacosta se dispuña a arrincar o seu coche, estacionado no aparcadoiro do Hotel Congreso de Santiago de Compostela. Segundo fontes da Delegación do Goberno, o pistoleiro achegouse ao parlamentario e asestoulle tres tiros, fuxindo posteriormente nun vehículo Renault Clio. Un dos disparos impactoulle na cabeza, provocándolle a morte.

Fernando Xelmírez, secretario xeral da UPG, partido integrado no BNG e no que o parlamentario militaba dende 1982, amosouse conmocionado polo suceso e cualificou a Dacosta de "camarada insustituíble e extraordinario patriota galego". Horas antes do crime, Óscar Quiroga anunciara a súa dimensión no Consello Nacional cónclave no que tamén presentou a renuncia toda a executiva. Abríase así unha nova etapa despois da derrota sufrida non comicios autonómicos do 1 de marzo, cuxos resultados devolveron a maioría absoluta ao Partido Popular en detrimento do goberno bipartito formado por PSdeG-PSOE e BNG.

Alberte Cudeiro, un detective elegante con ínfulas taoístas, recibirá da dirección do BNG o encargo de investigar este crime, que o levará, tamén, a resolver un enigma relacionado coa guerra civil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...